jueves, 12 de enero de 2012

Confint-Galicia

Este sábado celebramos a Conferencia Internacional Infantil Confint-Galicia “Coidemos o Planeta”, desenvolvida no marco da Axenda 21 Escolar de Galicia

Este sábado,14 de xaneiro, no Museo Pedagóxico, en Santiago de Compostela, daranse cita os estudantes, ademais de profesores e pais, en representación dos centros adscritos á Axenda 21 Escolar de Galicia, onde expoñerán e compartirán as súas propostas para a protección do planeta, previamente debatidas nas aulas.

Deste encontro sairán elixidos os 20 alumnos que representarán á nosa comunidade na Confint-España, a celebrar os días 26 e 37 deste mes en Vitoria-Gasteiz, compartindo experiencias cun centenar de mozos de Cataluña, País Vasco, Madrid, Albacete e Canarias.

De aí á Confint-Europa, que contará con dous portavoces galegos, en Bruxelas do 14 ao 16 de maio.

O fin último destas actuacións non é outro que o de dar voz aos mozos sobre os retos do desenvolvemento sostible, chegando a unha declaración final que será froito de numerosos debates e reflexións colectivas a nivel de centros educativos.



A secuencia de accións culminará coa Confint 2012 en Río de Janeiro (Brasil), do 4 ao 6 de xuño, que se fará coincidir co Cumio da Terra Río+20. Neste evento rapaces de diferentes países terán a oportunidade de poñer en común as súas sensibilidades ambientais, promovendo a asunción de responsabilidades individuais e colectivas, e contribuíndo ao fortalecemento da Década da Educación para o Desenvolvemento Sostible (ONU/UNESCO). A súa mensaxe sobre os problemas medioambientais (locais e globais) a escala mundial trasladarase ás autoridades políticas.

TODO UN EXEMPLO DE PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA

As distintas etapas polas que discorre a Conferencia Internacional Infanto-Xuvenil teñen un marcado carácter interactivo e de amplo alcance, mobilizando a estudantes, docentes e comunidades locais.

Concíbese como unha iniciativa de construción social onde as opinións dos máis novos son valoradas e respectadas, instando ao intercambio, a deliberación e o acordo de propostas. Como resultado deste proceso elíxense aos representantes que expoñerán as súas ideas a nivel rexional, estatal e continental ata chegar ao ámbito internacional definido polo Cumio de Río+20, onde se dará forma á mensaxe a trasladar ás autoridades políticas sobre os problemas medioambientais (tanto locais como globais),que afectan ao noso planeta Terra.

O PRECEDENTE DA CONFINT- 2010

Na CONFINT-2010 celebrada en Río elaborouse unha carta de responsabilidades dos mozos do planeta, na que se inclúe unha serie de prácticas que priorizan, entre outras cuestións, o uso eficiente dos recursos, apostando por un consumo responsable; a redución da contaminación da auga e das emisións de gases de efecto invernadoiro, contando para isto co apoio do goberno e o tecido empresarial; a estimulación da agricultura sostible, libre de agrotóxicos e transxénicos; o fortalecemento da educación e a cultura ambiental, instando á activa participación da cidadanía na preservación do medio ambiente; a creación de grupos ecolóxicos que protexan a biodiversidade; a promoción do transporte limpo; e o fomento da política das cinco Rs (reflexionar, rexeitar, reducir, reutilizar e reciclar).


No hay comentarios:

Publicar un comentario