martes, 21 de abril de 2015

1ª Confint Eurorregión Portugal-Galicia

Primeira conferencia transfronteiriza xuvenil no marco de Climántica

 
O proxecto Climántica e a Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA), conseguiron un avance moi significativo na colaboración que iniciaron no 2010, logrando neste caso que a data 10 de abril de 2015 forme parte da historia da Educación Ambiental de Galicia e de Portugal, por ser o día no que se celebrou en Monçao a primeira conferencia xuvenil transfronteiriza de Educación Ambiental. Por iso tentarán de mantela como unha data de referencia para desenvolver conferencias xuvenís transfronteirizas anuais que lle dean continuidade e amplifiquen os logros educativos acadados.
Esta primeira conferencia transfronteiriza forma parte do proceso que terá o seu evento principal no Comité das Rexións de Bruxelas coa conferencia europea “Imos a coidar do Planeta” que se celebrará entre o 19 e o 23 de maio, de acordo co programa. Con esta conferencia pecháronse as actividades previas á conferencia europea da eurorexión educativa Galicia – Norte de Portugal que se uniu a través do consorcio ASPEA – Climántica liderado pola ASPEA, tal e como se recolle no portal que esta asociación puxo en marcha para a organización deste evento. Asta actividades previas desenvolvéronse ao longo dos dous trimestres do curso 2014-2015. Durante o primeiro trimestre constituíse o consorcio e a rede de escolas transfronteirizas que foi aprobado por Monde Pluriel, organización que coordina a participación de todos os países europeos na conferencia xuvenil de Bruxelas.

No segundo trimestre puxéronse en marcha o desenvolvemento dos proxectos educativos, nos que os alumnos se centraron nas temáticas de investigación contextuais sobre a auga, a enerxía, os residuos e a agricultura ecolóxica, tendo en conta as relacións co cambio climático. Os proxectos de investigación analizaron problemas ambientais no contexto próximo ás escolas, identificaron as causas dos impactos, buscaron as súas consecuencias e propuxeron solucións, plasmando todo ese análise nun produto de comunicación escolar. Apoiándose neste produtos os alumnos defenderon os seus proxectos nas conferencias escolares, nas que se de seleccionaron os proxectos finalistas para presentar nas oito escolares. Nestas conferencias escolares seleccionáronse os proxectos finalistas para as conferencias do núcleo transfronteirizo (Valença, Monçao e Galicia) e do núcleo rexional portugués (Aveiro, Barreiro, Nelas, Tondela e Mengualdo).

A conferencia transfronteiriza celebrouse na localidade portuguesa de Monçao o 10 de abril de 2015, un núcleo no que se seleccionaron un delegado de Portugal e os dous de Galicia que formarán parte da delegación de seis representantes que a eurorexión enviará a Bruxelas. Nela participaron 150 alumnos, 50 de Galicia, 50 de Valença e 50 de Monçao e defendéronse os 10 proxectos finalistas seleccionados para presentar neste núcleo: 2 de Monçao, 3 de de Valença e 5 de Galicia. Esta conferencia transfronteiriza representou un fito histórico porque supuxo a primeira vez que estudantes de Galicia e de Portugal se unen para traballar conxuntamente en facer fronte ao deterioro do medio ambiente a ambos dous lados da fronteira.

A conferencia activouse con un simposio docente relativo a Enerxía e Cambio climático con participación de relatores dos dous países. Por Portugal participou no Panel I, titulado “O que é a Eficiência Energética? Energias Renováveis pelo Mundo” que defendeu o profesor Ricardo Azevedo. Este docente fixo referencia ao proxecto que dirixe e que está apoiando o concello de Monçao. Na súa intervención o profesor Azevedo destacou a importancia dos aspectos relativos ao aforro e eficiencia enerxética e a relevancia deste temas na Educación. Galicia participou co Panel II, titulado “Cambia o clima?” que defendeu o profesor Francisco Sóñora, director do proxecto Climántica. Nesta intervención fixo mención á preocupación que temos na actualidade pola intensidade do quentamento global. Situou este cambio no contexto dos cambios do clima coñecidos na historia da Terra. Explicou tamén os impactos do quentamento global e as posibles solucións dende a mitigación, adaptación, investigación e educación, fundamentando o papel do proxecto Climántica neste ámbito.

Na primeira quenda de presentación de proxectos escolares interviñeron os alumnos de Monçao, defendendo os dous proxectos seleccionados desta cidade “Estudo energético da escola” e “Casa eficiente”. Alexandre Fernandes, coordinador do primeiro proxecto, desenvolto a modo de auditoría escolar, foi o alumno portugués do núcleo deste conferencia seleccionado para formar parte de delegación que se desprazará a Bruxelas.


A segúnda quenda correspondeulle aos alumnos de Galicia. En Monçao presentaron os proxectos finalistas na conferencia escolar Paula Insua de 3º de ESO co tema “A contaminación da auga”, Pablo Romeu de 4º de ESO, “ O mellor marisco do mundo”, Pablo Roo de 3º de ESO “A contaminación da ría de Noia”, Laura Maquieira de 2º de ESO “Unha ría botada a perder” e María Arufe de 3º de ESO “A contaminación dos ríos”. Foron seleccionados para desprazarse a Bruxelas formando parte da delegación de seis alumnos da eurorexión Paula Insua e Pablo Romeu. Os outros tres delegados saíron da Conferencia rexional celebrada en Viseu e na que participaron as localidades de Aveiro, Barreiro, Nelas, Tondela e Mangualde

A última quenda de presentación de proxectos correo a cargo da Escola Secundaria de Valença que presentou os tres proxectos finalistas da súa conferencia escolar titulados “A Reciclagem no concelho de Valença”, “As lixeiras ilegais” e “O uso de pesticidas nas atividades agrícolas”.

Despois de rematar a presentación dos dez proxectos finalistas, procedeuse a unha comida campestre no parque das Caldas. Esa comida foi un momento de convivencia a apertura de lazos escolares. Para facilitar estes lazos, cada alumno levou comida para compartir con alumnos doutras escolas. Unha vez remata a comida no Parque das Caldas, os profesores da Escola profesional EPRAMI de Monçao conduciron aos alumnos camiñando ata a Escola para ensinarlle aos alumnos de Galicia e de Valença o casco histórico da cidade.

Unha intensa tarde de traballo na carta de compromisos no camiño a Bruxelas 

De regreso a EPRAMI, cada escola dividiu aos seus 50 delegados en catro grupos A, B, C e D. Os grupos da mesma letra das tres escolas xuntáronse nunha aula, e traballaron conxuntamente en catro aulas buscando compromisos asumidos polas tres escolas. 

Unha vez rematado os traballos nas aulas triescolares A, B, C e D, os alumnos desprazáronse de novo ao auditorio José Emilio Moreira, onde se desenvolveran as actividades da mañá. Alí puxeron en común as propostas de compromisos compartidos, elaborados nas catro aulas, para traballar conxuntamente as tres escolas nos próximo curso. Entre eses compromisos destacaron a participación conxunta na limpeza dos ríos Miño e Tambre, nunha reforestación das súas cuncas, campañas escolares para promover o aforro e a eficiencia enerxética, a recollida selectiva de residuos e agricultura ecolóxica. Nesas campañas os alumnos de cada centro asumiron o compromiso de sumar a outros centros da cidade e da bisbarra, para aumentar así o impacto das campañas.

A delegación de seis alumnos (4 portugueses e 2 galegos) traballarán conxuntamente en Bruxelas con alumnos de 17 países europeos. Entre os produtos do traballo colectivo no Comité das Rexións destaca a redacción dunha carta que recolla as responsabilidades compartidas por todos os países implicados, e que será presentada ás autoridades da Unión Europea, como se fixo coa carta elaborada en Brasilia no ano 2010 que presentou en Bruxelas unha alumna galega da delegación de Climántica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario